sábado, 14 de mayo de 2016

Orquesta "Benjamín y sus muchachos"


Xa puxeramos fai tempo unha entrada da Orquesta Alegría, e dentro desta, unha referencia a unha entrada do blog "Mi Ribadavia"  onde aparecía un folleto publicitario de "La orquesta Benjamín y sus muchachos" dirixida por Benjamín González López. 
Eu non sei que relación tiñan entre eles estes dous conxuntos melódicos si é que a tiñan, se compartían músicos, si coexistiron no tempo, ou funcionou un antes que o outro. O caso é que aquí temos outra foto deste grupo que nos envía María Lorenzo, e que nos comenta que o rapaz que sae no medio, vestido de chaqueta branca, é o seu pai José Campo, "O Raíña". Dos demais penso que só coñezo "O Alegría" que é o que está á esquerda tocando a batería.
Outro dos detalles nos que me fixei, aparte dos bonitos atriles que utilizaban, é que nesta foto, non hai ningunha muller, mentras que na foto do blog "Mi Ribadavia" aparece unha  señorita que non coñezo, que penso que sería a vocalista do grupo.
A ver si alguén nos aclara a cousa.




lunes, 2 de mayo de 2016

O equipo dos taxistas

Como xa sabedes que levo bastante tempo fóra da vila, cada vez se me fai máis costa arriba iso de poñerlle nome ás caras, aínda que moitas delas me sexan ben coñecidas. Tedes que me disculpar, xa que non son quen de acertar cos nomes dos retratados aquí abaixo, todos eles me son familiares, pero vai a ser mellor que lle poñades vós os nomes e apelidos, e incluso os alcumes polos que se lles coñecía. 
Podedes deixar os vosos comentarios coma sempre debaixo da entrada.
Segundo  María Lorenzo, que é quen me envía a foto, este é o equipo de balompé dos taxistas da vila, alá polo ano 1967. O gardameta, que é o primeiro que está de pé á esquerda, de branco e co balón na man,  é o seu pai, José Campo "O Raíña", o cuarto por esa banda é Julio Viñas, e o primeiro dos agachados pola dereita é o Gustavo, a quen eu tiña asociado coas empresas das pinturas e barnices, e non co gremio do taxi.
Seguro que vós aclarades a aliñación.




jueves, 21 de abril de 2016

Rafaela "A Raiña" e o seu loro Poli

Facía ben tempo que non pasaba por aquí! Xa tiña isto medio esquecido, se non fora por algún que outro comentario que, de cando en vez, me envía alguén. Mais o outro día, recibín un moi especial. Unha rapaza me falaba da súa avoa nunha antiga entrada no blog. Púxenme en contacto con ela, e tivo a amabilidade de enviarme estas fotos. Esta é razón pola que estou aquí, de volta nesta entrada.
Resulta que María, é neta da señora Rafaela "A Raiña", que xunto ó seu home Manolo, levaban o muiño que había no Avia, entre a vila e A Foz.
Vivían na rúa de Fornos, abaixo de todo, nunha casa a cabalo de Extramuros. Moi perto de alí, tan só atravesando a vía férrea, xusto onde comenza o camiño que baixaba ó muiño, (digo baixaba, porque penso que hoxe en día xa non se pode cruzar a vía por alí) había unha pequena casa, que era onde tiñan a Poli, un loro de cor verde, do que xa vos contei as súas habilidades nesa entrada da que falaba máis arriba.
De pequeno pasei moito tempo xogando alí con el, e me colleu certa confianza. Como xa vos dixen,  imitaba moi ben os asubíos dos trens, en especial o do Ferrobús. 
Estaba sempre na súa percha, solto, tal como o vedes na foto, a carón dunha ventá con vistas á Alaxancha, á Foz e ós Caneiros, para que o quecese o solciño da tarde.
Foi toda unha sorpresa, e un verdadeiro agasallo recibir  estas fotos, a de  Rafaela e Manolo acompañados por dous dos seus netos, que suxeitan a Poli nun pau,  e a outra onde aparece el só.
A verdade é que daquela, a finais dos sesenta ou principios dos setenta, poucos loros se miraban pola vila. Había outro, africano, de cor gris cincento, que era propiedade do dono de "Mobles Montero", pero ese era inaccesible, xa que o tiñan no balcón da súa casa, moi perto da Fonte da Prata.
A min, o pouco tempo que pasaba con Poli non me prestaba, polo que se meteu no meu maxín conseguir un loro como fora. Mareei ós meus pais con esa teima durante algún tempo, sen acadar resultado algún. Pero xa sabedes que o tempo o cura todo, e máis  a esa idade. Meu avó pareceu cun cadelo novo, ou eu medrei, e as visitas a Poli fóronse espaciando.
Un día, anos despois da morte de Poli, miña nai falando coa Rafaela, entre unhas cousas e outras, lle debeu de comentar a teima que me entrara a min co loro. E sabedes que lle dixo?
-Hai muller! si o chego a saber, doullo.
Grazas María pola fotos, e grazas á túa avoa Rafaela polo seu agarimo e paciencia.




miércoles, 7 de mayo de 2014

De sobremesa

Desta volta, seguimos con outra foto que ten a ben enviarnos Juan Antonio Fernández "Pipo". Está datada no ano 1957 e como sempre sucede eu non vos podo aclarar moitas cousas.
Penso, e repito a palabra penso, que o que aparece no primeiro plano pola esquerda é o Agapito, o terceiro dende esa mesma banda é o Carrera, e o quinto, se non me confundo, é  Alejandro Fernández Casas (o avó de Pipo), mentres que ó fondo, na cabeceira da mesa penso que recoñezo a un dos irmáns García Deive, que tiña a ferretería situada ó lado do Bar Morto.
Se sodes quen de identificar a todos e  aínda por riba con nomes e apelidos, só tedes que deixar un comentario, e todos volo agradeceremos.
Grazas.



martes, 22 de abril de 2014

Quen son?

Desta foto que comparte connosco amablemnete Juan Antonio Fernández "Pipo" e que está datada no mes de Abril do ano 1945,  só recoñezo a Alejandro Fernández Casas, o avó de Pipo que é o segundo pola dereita, e a Benito Escudero, que é o segundo pola esquerda.
O primeiro pola dereita, segundo o último comentario da entrada anterior, podería ser Manolito García, pero habría que deixalo en dúbida.
O mellor será que os identifiquedes vós, xa que a foto vai case para os setenta anos.
Quedamos entón á espera dos vosos comentarios, polos que por anticipado vos damos as grazas.




sábado, 5 de abril de 2014

De alivio

Hoxe poñemos esta foto, da que descoñecemos a data, e que nos envía Juan Antonio Fernández "Pipo", a quen lle damos as grazas. 
De todos os que aparecen na foto, se non estou errado, só coñezo a Antonio Chao, que é o primeiro pola esquerda. Pero teño a confianza de que vós lle poñades o nome ós outros tres cabaleiros que aparecen con el.
A instantanea, penso  que está sacada na rúa Progreso, diante do edificio da Banca Nogueira, xa que aparece detrás outra construcción coa fachada feita en ladrillo e con arcos apuntados, que hoxe en día xa no existe, e da que falamos nalgunha entrada anterior. Si supésemos cando se derrubou ese edificio, teríamos algunha axuda para poñerlle un data de tope a esta foto.
Unha das cousas que me chama a atención, aparte da elegancia destes homes, é que un deles leva na solapa da súa chaquete un fita de loito.
Corrixídeme se me equivoco, pero neses años, a morte dun familiar de primeiro grao conlevaba que os seus deudos vestisen de riguroso loito a lo menos un par de anos, máis un tempo a continuación, que se chamaba de "alivio", no que se ía substituindo a modiño as prendas de cor negro por outras de cores grises ou máis suaves. Quizás as mulleres eran as que máis sufrían estas ríxidas pautas sociais, mentres que os homes, paréceme a min, que o levaban doutra maneira. 
Se non recordo mal, moitos homes en vez dunha fita, o que puñan era un botón de cor negro no ollal da mesma solapa. Pero a verdade é que, como podedes notar, non coñezo moi ben cales eran as normas que se estilaban naqueles tempos para levar o loito, xa que hoxe eses costumes están sendo totalmente esquecidos.
Outro picar de faneca era o que se podía e se debía de facer, ou deixar de facer estando de loito, e con isto refírome ás festas,saídas, alegrías e celebracións. 
A sociedade, daquela, era moito máis rixida coa morte, e hoxe, como di o refrán, a procesión vai por dentro.



domingo, 30 de marzo de 2014

Outro punto de vista

Nos envía Benito Amil esta foto, que nos ilustra sobre unha das partes da vila que aparecen no cadro de Beruete que puxemos na entrada anterior.
A foto seica é dos primeiros anos do século XX, e nela podemos observar con bastante claridade como se desenvolveu esa parte da vila, nos trinta anos que pasaron dende  que se pintou o cadro, alá pola década de 1880, ata  que se sacou esta foto a principios de século.
Como se ve, e sempre pensando en que Beruete puido aportar moitas cousas do seu maxín,  as construccións aumentaron en altura, aínda que se mantén, case en estado ruinoso, esa edificación que aparece no primeiro plano, e que está reforzada con contrafuertes.
Penso que é  moi interesante esta aportación, que eu polo menos non coñecía, xa que se pode ir comparando a foto co cadro. Se vedes cousas interesantes que se nos pasaran a nós, podédelas deixar nos comentarios.
Grazas de novo Benito pola túa dedicación.